Twitter

Presentado oficialmente Twitter #Music

O blog de Twitter vén de anunciar algo do que se estivo falando nas últimas semanas: o novo servizo Twitter Music, un proxecto que servirá para que os e as amantes da música gocen dela a través da rede social.

Como xa é costume en todo servizo novidoso, irase abrindo de forma gradual por países e usuarios, comezando polos EE.UU., Reino Unido, Irlanda, Australia. Pola periferia 2.0 teremos que agardar a que teñan a ben abrilo.

E tamén, como xa é costume, os de Twitter tampouco teñen avoa. Lede, senón, como se presentan:

Hoxe lanzamos Twitter Music, un novo servizo que vai mudar a forma en que a xente atopa música. Utiliza a actividade de Twitter, incluíndo os chíos e o “engagement” para detectar e aflorar os temas máis populares e os artistas emerxentes

Basicamente o que fai este servizo é recoller a música que se chía a partir de tres fontes: iTunes, Spotify e Rdio. A partir dela, poderás acceder ao perfil dun artista para escoitar as súas cancións, ver a súa conta de Twitter, ler as súas novidades, descubrir novos temas e artistas e compartilo cos teus seguidores. O pack inclúe app para iPhone e Android que tampouco a temos dispoñíbeis…

Do seu funcionamento falaremos cando poidamos acceder e agardemos que sexa máis refinado que eses artistas que Spotify che recomenda e que en nada se asemellan ao cento de horas de música que escoitaches na aplicación ¬¬

Advertisements
Estándar