Twitter

Xa podes activar o Twitter Analytics

Un compi de traballo avísame vía correo electrónico que xa está dispoñíbel para case todas as contas Twitter Analytics, a ferramenta oficial da compañía do paxariño para estares ao tanto sobre as estatísticas máis básicas do teu perfil.

Aquí tes os pasos necesarios e de que vai Twitter Analytics.

Paso 1: darse de alta

O primeiro que tes que facer é darte de alta en https://analytics.twitter.com/login como é mester nestes casos: nome de usuario e contrasinal, sempre que os lembrares.

Captura de ecrã 2013-06-10, às 14.29.38

Paso 2: Account ineligible

Logo de te logueares, aparecerá unha pantalla ruín e falsa que te pode levar ao equívoco. Cando menos a min. Un simpático aviso do sistema dirache que tes unha “Account ineligible”. Teus mortos!, por se acaso.

Este aviso en vermello refírese aos Twitter Ads que non sei o porqué de que apareza aquí. Non lle fagas caso. Arriba aparecerá un menú “Analytics” que por agora trae dúas opcións: Timeline activity e Followers.

Menú do Twitter Analytics

Menú do Twitter Analytics

O de por agora dígoo ben. Algúns usuarios atoparon un terceiro menú: Sitios web. Eu busco, rebusco e actualizo o trebello de forma compulsiva cada 5 minutos… E nada, que non aparece.

Paso 3: Timeline activity

Iso de “Timeline activity que nos aparece aos que chiamos co Twitter en galego vén a ser o lugar en que se compila todo o relacionado coa nosa conta de Twitter: mencións, estatísticas de novos seguidores, análise de cada tuit que inclúe as veces que foron retuiteados, marcados como favoritos ou as respostas recibidas.

Non vos poño unha captura de pantalla para non quedar en evidencia das miñas cativas estatísticas.

Paso 4: Followers

Gustaríame dicirvos de que vai esta opción mais isto é o que me aparece:

Opción Followers

Opción Followers

Segundo a fonte anterior, disque neste separador aparece toda a información referida ás persoas que teñen a ben seguirte: ritmo de crecemento, intereses, localización, sexo…

Conclusión

Se es un/unha “simpatizante” ou “militante de base” na rede social dos “paxariños por aquí, paxariños por alá”, o Twitter Analytics pode ter a utilidade de procrastinar cada certo tempo e ver como che vai o conto sen máis importancia ca esa.

Agora ben, se es un/unha “cargo electo” ou te dedicas profesionalmente a isto das redes sociais, o Twitter Analytics é unha opción rápida e sinxela de obteres os primeiros e máis básicos datos sobre aquelas contas que xestionas.

Advertisements
Estándar