Facebook

Pagarías por enviarlle un correo a alguén en Facebook?

Messenger, o aplicativo de Facebook para chatear e enviar mensaxes

Messenger, o aplicativo de Facebook para chatear e enviar mensaxes

Segundo comenta The Telegraph, Facebook está probando un novo sistema para que poidas enviarlles mensaxes a persoas con que non estás conectado. Iso si, sempre pasando por caixa.

A tarifa non sería plana: o custo da mensaxe, segundo explica The Telegraph, variaría en función do número de amizades que ten a persoa e tamén do número de persoas que queren contactar con ela. Se queres enviarlle unha mensaxe a un famoso, podería saírche por unhas 10 libras de nada. Se se tratar dun “anónimo”, o custo sería inferior mais, de todas as formas, sería custo.

Os de Facebook Inc comentan que este sistema de pagamento está ideado para evitar o correo-lixo e na actualidade andan a probar diferentes taxas para estabeleceren un prezo axeitado. Agora ben, eu vexo tamén outra finalidade: cash.

Estarías disposto a pagar por enviarlle unha mensaxe a alguén que non coñeces?

Estándar
Facebook

Facebook Home: todo quedou nun lanzador para Android…

Captura de pantalla do web promocional de Facebook Home

Captura de pantalla do web promocional de Facebook Home

Hai uns días, Facebook Inc. convocaba á prensa para unha desas presentacións multitudinarias a cargo do seu imberbe CEO, Mark Zuckerberg. Como sempre que hai un destes e-ventos, comezaron as especulacións máis ou menos acertadas: que se presentaría o seu propio teléfono, que se presentaría o seu propio sistema operativo, ou que se presentaría un Android “tuneado”.

Mais o que se prevía un bombazo informativo ficou nun petardiño: Facebook Home (pronunciado /həʊm/) un aplicativo para Android que funcionará de lanzador para o móbil e que se poderá instalar a partir do día 12 de abril. Como propina, anunciaron o HTC First, o primeiro smarthphone co “invento” instalado e que se pode mercar a un prezo máis que competitivo: 99,99 $.

Que é (e que creo que será) Facebook Home

Segundo explican, Facebook Home é un aplicativo “para dar prioridade ás túas amizades no móbil” a través de introducir as actualizacións da rede social no fondo de pantalla. Deste xeito, verás o que lle pasa aos teus contactos en Facebook sen a necesidade de abrir ningún aplicativo. Ademais, compleméntase con funcionalidades para facer máis vistosas as mensaxes e outras notificacións.

Mais o aplicativo ten truco, como ben explican en Genbeta.com.E é que Facebook non dá puntada sen fío: haberá anuncios neste lanzador. Por tanto, a prioridade non é tanto as túas amizades, son os cartos, diñeiro, facer máis “cash” cun novo produto de mercadotecnia para que as empresas se metan no teu peto.

Como sempre, aínda non explicaron (nin explicarán, acho) como funcionarán nin de que tipo serán os anuncios no Facebook Home. Mais a pregunta é evidente: estás disposto a que o primeiro que vexas na pantalla do teu móbil sexa un anuncio?

Estándar
Facebook

Xa se pode responder un comentario e crear fíos en Facebook

Aviso que aparece ao entrares nunha páxina que xestionas para activares a nova función de comentarios

Aviso que aparece ao entrares nunha páxina que xestionas para activares a nova función de comentarios

Facebook está a aplicar gradualmente novos cambios na súa plataforma. Despois do anunciado cambio de deseño (que aínda non está dispoñíbel para todo o mundo), tócalle agora a unha funcionalidade menos vistosa mais esencial para xerar conversa. Desde onte, pódese habilitar nas páxinas a opción de responder a un comentario en concreto.

Se xestionas algunha páxina en Facebook e queres activar esta opción, tes que entrar na túa páxina e premer o menú Editar páxina > Xestionar os permisos:

Menú Editar páxina > Xestionar os permisos

Menú Editar páxina > Xestionar os permisos

Logo de se abrir esta páxina de xestión, a opción para permitir responder os cambios está na parte inferior da páxina:

Opción de permitir as respostas aos comentarios nunha páxina

Opción de permitir as respostas aos comentarios nunha páxina

Esta opción, que imita a outros xestores de comentarios, como Disqus, permite mellorar a conversa dentro das páxinas ademais de xerar interacción entre os diferentes usuarios. Por agora só está dispoñíbel na versión web da rede social aínda que dentro de pouco xa se poderá responder a través do móbil.

Agora só che falta creares contido “compartíbel” e “comentábel” na túa páxina 😛

Editado ás 14:40 do 26/03/2013

Esta característica está dispoñíbel só para as páxinas con máis de 10.000 “gústame”. O resto terá que agardar até o 10 de xullo.

Ligazón: Anuncio oficial de Facebook

Estándar
Facebook,Twitter

#hashtags en Facebook?

Os hashtags poderían incorporarse a Facebook

Os hashtags poderían incorporarse a Facebook

Hoxe os rumorosos din que os de #Facebook anda a darlle voltas á súa plataforma e que, entre as vindeiras novidades que se poderían implementar, estarían os famosos #hashtag de #Twitter. Quen di tal cousa é The Wall Street Journal na súa edición de onte.

Esta incorporación iría na sintonía das novidades que xa comentei neste blog: permitiría aos usuarios crear temas e grupos de temas dentro da rede social para agrupar a información segundo as súas preferencias. Ao premer nun destes #hashtag mostraríanse todas as actualizacións e demais que se publicaron sobre o tema correspondente.

Como en Twitter, bastaría con engadir un símbolo á palabra chave da actualización para que esta se gardase. O que non se sabe (todo é un rumore-rumore) é se copiarán o # ou se serán orixinais.

Non pensedes que a mudanza se fai por amor á arte. Ademais dunha mellora na rede o que se fai, acho, con esta novidade é procurar unha fonte máis de ingresos. Os #hashtag poderían converterse en espazos publicitarios ben gorentosos para as marcas (polo número de persoas que falan dun tema) e para o propio Facebook que podería vender a bo prezo como fai Twitter os seus #hashtag patrocinados. Din que un destes custa 200.000 $ diarios.

Como todo rumor, o tempo dirá se for ou non infundado mais como verías a incorporación de #hashtag na túa vida facebuquiana?

Estándar
Facebook

Todo sobre o novo deseño de Facebook

Captura de pantalla de Facebook

Captura de pantalla de Facebook

Hai unha semana, o (multimillonario) Marc Zuckerberg presentaba unha reviravolta máis (e xa van…) da súa rede social. En resumo: máis visual, máis calidade para as imaxes, máis integración entre dispositivos.

O que non é novidade é a reacción. É falar Marc Zuckerberg sobre o Facebook e subir o prezo do pan. Milleiros de entradas circulan na rede sobre este novo redeseño e, segundo a propia empresa, foron máis aínda as preguntas de usuarios ávidos por saber máis xa sobre como vai influír nas súas vidas na rede social.

É por isto polo que a compañía quixo responder este interese cunha páxina de axuda (aínda non dispoñíbel en galego) mesmo antes de que os cambios se fixesen notar.

Se es preguiceiro, un resumo:

Como obter o novo deseño de Facebook?

As cousas de palacio van amodo… Aseguran desde Facebook que en breve todos os usuarios verán o cambio na interface. Mais se non es capaz de agardar ou queres presumir de early adopter, podes solicitar que te engadan á súa listaxe de agarda aquí.

Solicitude da nova interface

Solicitude da nova interface

Que hai de novo?

As mudanzas do novo deseño de Facebook baséanse en catro aspectos:

  • As fotos e as historias son de maior tamaño na sección de novas
  • Haberá unha nova barra lateral para navegares polas diferentes seccións…
  • …unhas novas seccións de novas para consultar: música, fotos, o que fan as túas amizades
  • As notificacións mudan de lugar para apareceren na parte superior dereita
Nova barra lateral do Facebook con diferentes novas

Nova barra lateral do Facebook con diferentes novas

A nova sección de novas

Ao entrares co novo deseño da interface de Facebook, aparecerán (din) novas xerais por defecto. Con todo, agora poderás ver só aquelas que prefiras: Grupos (en que esteas), Fotos (para “revisar” o ben que o pasan as túas amizades sen ti ou as que publican as páxinas), só as túas amizades ou só as páxinas a que estás subscrito… Ademais, poderás engadir categorías novas ao teu gusto.

Por exemplo, se es seguidor de páxinas de varios medios de comunicación, poderás utilizar esta sección como un lector RSS do que publican. Competencia contra Google Reader e algo que pode afectar aos ingresos monetarios por publicidade dos xornais… (bussiness is bussiness).

Cambiando todo de sitio

Non sei se Marc Zuckerberg e os seus compis de Facebook teñen avoa, mais semella que non. O novo deseño preséntase como “unha explosión de cor”, con “historias máis atractivas e brillantes” e “Imaxes máis nítidas que lle dan vida á túa sección de novas”. Todo cunha nova finalidade: “adeus á desorde”.

Moitas cousas mudan de localización. Sentíndoo moito, terás que botarlle un ollo á páxina de axuda para saberes onde “parolar” agora (abaixo, á esquerda), como acceder á túa configuración…

Confírmase que os de Facebook non teñen avoa :)

Confírmase que os de Facebook non teñen avoa 🙂

Agardemos, pois, a que estea operativo para comentarmos as primeiras impresións, non si?

Estándar