Facebook

Facebook Home: todo quedou nun lanzador para Android…

Captura de pantalla do web promocional de Facebook Home

Captura de pantalla do web promocional de Facebook Home

Hai uns días, Facebook Inc. convocaba á prensa para unha desas presentacións multitudinarias a cargo do seu imberbe CEO, Mark Zuckerberg. Como sempre que hai un destes e-ventos, comezaron as especulacións máis ou menos acertadas: que se presentaría o seu propio teléfono, que se presentaría o seu propio sistema operativo, ou que se presentaría un Android “tuneado”.

Mais o que se prevía un bombazo informativo ficou nun petardiño: Facebook Home (pronunciado /həʊm/) un aplicativo para Android que funcionará de lanzador para o móbil e que se poderá instalar a partir do día 12 de abril. Como propina, anunciaron o HTC First, o primeiro smarthphone co “invento” instalado e que se pode mercar a un prezo máis que competitivo: 99,99 $.

Que é (e que creo que será) Facebook Home

Segundo explican, Facebook Home é un aplicativo “para dar prioridade ás túas amizades no móbil” a través de introducir as actualizacións da rede social no fondo de pantalla. Deste xeito, verás o que lle pasa aos teus contactos en Facebook sen a necesidade de abrir ningún aplicativo. Ademais, compleméntase con funcionalidades para facer máis vistosas as mensaxes e outras notificacións.

Mais o aplicativo ten truco, como ben explican en Genbeta.com.E é que Facebook non dá puntada sen fío: haberá anuncios neste lanzador. Por tanto, a prioridade non é tanto as túas amizades, son os cartos, diñeiro, facer máis “cash” cun novo produto de mercadotecnia para que as empresas se metan no teu peto.

Como sempre, aínda non explicaron (nin explicarán, acho) como funcionarán nin de que tipo serán os anuncios no Facebook Home. Mais a pregunta é evidente: estás disposto a que o primeiro que vexas na pantalla do teu móbil sexa un anuncio?

Advertisements
Estándar