Twitter

Tres ferramentas para monitorizar un hashtag en Twitter como por exemplo… #FeijooPagaLaNieve

Captura das reaccións do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Captura das reaccións do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Hai días que é mellor non erguerse da cama para non consultar as portadas dos xornais. Outros, en que mellor sería non ter pronunciado algunha que outra cousa. Neses días en que os astros se aliñan, resulta que atopas que es Trending Topic en Twitter e pouco tes xa que facer.

Quédache, por tanto, deixarte levar á vida contemplativa se tes moito fígado e non adoitas botarte a chorar con facilidade. Cantas persoas están a usar ese #hashtag? A cantas persoas chegaron as súas mensaxes? Quen foi o usuario máis relevante?

Para iso existen algunha que outra ferramenta. Vouvos relacionar as tres gratuítas (ou freemium, con algunha característica de balde e outras de pagamento) que emprego con máis frecuencia.

Tweet-tag.com

Captura de Tweet-tag.com

Captura de Tweet-tag.com

Tweet-tag.com é unha ferramenta catalá que serve para monitorear os datos das últimas 24 horas de vida dun hashtag na súa versión gratuíta. Devolve algúns resultados interesantes como o número de mencións e de participantes, a audiencia potencial dun determinado hashtag así como unha gráfica de evolución do seu uso. Tamén recompila todos os chíos que se publican en tempo real até un máximo de 1500, os usuarios máis participativos e os máis influíntes.

A conta gratuíta permíteche gardar 4 buscas diferentes máis só o uso dun #hashtag ao longo do día. Este é o resultado que nos devolve do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Tweetarchivist.com

Captura de Tweetarchivist.com

Captura de Tweetarchivist.com

Tweetarchivist é talvez unha ferramenta máis completa que a anterior. O primeiro que cómpre destacarmos dela é que analiza un hashtag nos últimos sete días. Ademais, devolve, de xeito moi visual, moitas analíticas como o volume de mencións emitidas, os 25 usuarios máis activos, a ratio entre chíos e rechíos, os 20 URL máis partillados, as 20 palabras máis empregadas xunto ao hashtag.

Por último, permíteche usar os seus gráficos nos teus web a través de códigos e tamén exportar os teus datos nunha folla de datos.

Este é o resultado que nos devolve do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Followdehashtag.com

Captura do web Followthehashtag.com

Captura do web Followthehashtag.com

Followthehashtag.com é a ferramenta máis sinxela das tres, mais non por iso interesante. Con todo, analiza até un máximo de 1.500 mencións durante os últimos 7 dúas e ofrece o número total de chíos, a ratio de chíos por hora, o número de usuarios que publicaron e os máis activos, mais só ata ese máximo de 1500.

… E outra ferramenta de regalo

Captura de Topsy

Captura de Topsy

Topsy.com non é ferramenta de monitoreo de #hashtag como as anteriores. É moito máis: trátase dun buscador social que rastrea todo o contido publicado a respecto dun termo, en tema ou un usuario non só en Twitter: blogs, imaxes, novas relacionadas…

É unha ferramenta perfecta (e freemium) para saber que se di de ti en todo momento. Isto é o que atopa Topsy tras consultar #FeijooPagaLaNieve

Estándar
Trebellos,Twitter

LivesOn: nin a morte te separará de Twitter

Con LivesOn, chía e chía mesmo despois da morte

Con LivesOn, chía e chía mesmo despois da morte

“Cando o teu corazón deixe de latir, seguirás chiando”. Eis a declaración de intencións deste novo aplicativo, LivesOn, que che ofrecerá a posibilidade, a partir deste mes, de continuar a túa actividade na rede social Twitter mesmo despois de palmares.

O aplicativo LivesOn baséase na análise do teu historial de publicacións para manter o teu perfil actualizado cos temas futuros que posiblemente fosen do teu interese. Deste modo, seguirás en contacto cos teus seguidores con información recén saída do forno mentres ti criares malvas.

O único que pode impedir a túa actividade desde o alén será se a persoa que ti elixas para executar a túa última vontade decida suspender a conta.

Se entre as preocupacións arredor da túa morte tiña un lugar privilexiado que ía ser da túa vida nas redes sociais e deses seguidores que tanto che custou conseguir, xa podes estar tranquilo, que nin a morte te separará deles.

E agora que xa o coñeces, activarías este servizo? Eu, nin morto.

Estándar
Captura do web Fire me!
Trebellos,Twitter

Se odias o teu xefe, ten coidado co que publicas en Twitter: chega Fire me!

Captura do web Fire me!

Captura do web Fire me!

Grazas a PR Noticias descubro a ferramenta de Twitter que todo xefe ten que ter a man. Acabouse espiar todas as contas de Twitter dos teus empregados. Con Fire me! (que traducido vén a ser Despídeme!), saber que o bolseiro de Recursos Humanos quere pegarte un tiro cando teña ocasión ou enteirarte de que a publicista está formulándose seriamente a idea de cuspir no teu café é agora máis fácil ca nunca.

O aplicativo ‘Fire Me!’ foi creado polo centro de investigación L3S da Universidade de Hannover. Trátase dun buscador (por agora só en inglés, ufffff, menos mal) de termos relacionados co descontento no traballo e co xefe que as persoas publican nos seus chíos.

Devolve os resultados en 4 categorías diferentes: os que odian o traballo, os que odian o xefe, os que desexan que lle fodan ao traballo e, por último, os “potenciais asasinos” (é un dicir, digo eu…).

Captura dos chíos dos "Potenciais asasinos"

Captura dos chíos dos “Potenciais asasinos”

Con todo, a intención do grupo de investigación con esta ferramenta é outra, como eles mesmos definen:

O noso obxectivo é crear conciencia sobre o perigo dos datos publicados na rede. A maioría das persoas non son conscientes de que, en Internet, unha vez que dis algo, non podes retractarte.
Todos os chíos que amosamos están publicamente dispoñíbeis en Twitter. Así que non nos culpes a nós e tenta ser máis responsábel.

Falar e escribir linguas minoritarias ten moitas vantaxes. Entre elas, permanecer no anonimato con ferramentas como esta. Porén, sentidiño ao chiares 🙂

Estándar
Facebook

Xa se pode responder un comentario e crear fíos en Facebook

Aviso que aparece ao entrares nunha páxina que xestionas para activares a nova función de comentarios

Aviso que aparece ao entrares nunha páxina que xestionas para activares a nova función de comentarios

Facebook está a aplicar gradualmente novos cambios na súa plataforma. Despois do anunciado cambio de deseño (que aínda non está dispoñíbel para todo o mundo), tócalle agora a unha funcionalidade menos vistosa mais esencial para xerar conversa. Desde onte, pódese habilitar nas páxinas a opción de responder a un comentario en concreto.

Se xestionas algunha páxina en Facebook e queres activar esta opción, tes que entrar na túa páxina e premer o menú Editar páxina > Xestionar os permisos:

Menú Editar páxina > Xestionar os permisos

Menú Editar páxina > Xestionar os permisos

Logo de se abrir esta páxina de xestión, a opción para permitir responder os cambios está na parte inferior da páxina:

Opción de permitir as respostas aos comentarios nunha páxina

Opción de permitir as respostas aos comentarios nunha páxina

Esta opción, que imita a outros xestores de comentarios, como Disqus, permite mellorar a conversa dentro das páxinas ademais de xerar interacción entre os diferentes usuarios. Por agora só está dispoñíbel na versión web da rede social aínda que dentro de pouco xa se poderá responder a través do móbil.

Agora só che falta creares contido “compartíbel” e “comentábel” na túa páxina 😛

Editado ás 14:40 do 26/03/2013

Esta característica está dispoñíbel só para as páxinas con máis de 10.000 “gústame”. O resto terá que agardar até o 10 de xullo.

Ligazón: Anuncio oficial de Facebook

Estándar
Twitter

Ollo ao piollo: unha web permíteche crear tweets desde contas doutras persoas

Captura do aplicativo en acción

Entras nunha páxina web, introduces o nome de usuario de Twitter polo que queiras facerte pasar, escribes o chío e ala, xa está. Tan doado como isto. Unha aplicación na rede (de cuxo nome non quero acordarme e que non poño aquí) permite suplantar a identidade e crear tweets falsos en cuestión de segundos.

E non lle falta detalle: podes modificar o número de RT, de favoritos e mesmo a data, ao tempo que a propia aplicación se encarga de incorporar a imaxe de perfil e de fondo do usuario en cuestión.

É boa verdade que cun pouco de coñecemento de edición de imaxes, de HTML ou mesmo con complementos para navegadores que permiten modificar as páxinas web, “suplantar” a identidade de calquera tuiteiro era algo bastante doado. Con todo, esta páxina “universaliza” e “facilita” esta acción.

E preguntaredes para que vale. Para nada, realmente. O chío non se garda nin se publica, pois o resultado é unha imaxe. Agora ben: cun pouco de mala hostia e agardar pola viralidade de certas accións, pode facer pasar por real o chío.

Lembrade que hoxe en día circulan “bulos” na rede en que se acredita en información falsa sen realmente contrastala. Non sería de estrañar atoparmos chíos falsos deste tipo e acreditar na súa veracidade. A solución: comproba sempre a veracidade.

Fonte: 233grados

Estándar
Twitter

15 sinxelos pasos para perder seguidores en Twitter

Imaxe de SantiMB en Flickr

Como perder seguidores en Twitter. Dereitos da imaxe: SantiMB en Flickr

Es unha star sistem niso de Twitter e estás farta de que a túa conta de “followers” non pare de medrar e medrar? Probaches con sutiliezas, logo con rogos e por último unfollows e/ou bloqueos masivos e nada, que non quitas os seguidores nin con auga quente? Non te preocupes: eis uns consellos que che axudarán a perder seguidores en Twitter sen recorreres a ameazas nin borrares a túa conta -que sabemos que es adicta a ela :)-

Hai uns meses, a empresa ianqui DK New Media, especialista nisto do asesoramento nas redes sociais e na mercadotecnia, publicou a modo de infografía as principais razóns para deixar de seguir a xente en Twitter a través da (xenial) ferramenta Visua.ly.

As quince primeiras son as seguintes. Anótaas e telas a man sempre que chiares. Verás como a túa conta baixará e baixará até que só conservares os teus incondicionais e familiares (e, ao mellor, nin estes):

  1. Sé moi “ruidoso”. E canto a ruidoso non é ser só chiares temas de Justin Bieber (que tamén) senón a non parar de falar: ocupa a liña do tempo dos teus seguidores con centos de chíos ao día.
  2. Non ter avoa, ou o que é o mesmo, autobombo, e autobombo e máis autobombo. Falar de ti todo o tempo fai que a xente fuxa a fume de carozo do teu lado. Vamos, como na vida real, non?
  3. Envía spam, mais non as latas de xamón cocidas, que haberá quen as colla.
  4. Publica contido nada interesante. Iso de que o xantar estaba tremendo, que vas afeitarte ou tomar unha ducha, que ben o pasaches no paseo ou o moito que che divirten os documentais en que se amosa a reprodución da mosca da mazá.
  5. Repite, como o allo. Tes unha idea? Pois coméntaa a todas horas. Publicaches unha entrada no blog que cres que é indispensábel ler? Lígaa sempre que poidas, sácaa en todas as conversas…
  6. Falando de entradas en blogs: automatiza o contido dos teus chíos. Engade aplicativos ao Twitter que publiquen por ti, como se foses un robot: “Nova entrada no blog: etc, etc, etc”, “Estatísticas de seguidores de hoxe”, “Hoxe deixáronme de seguir…”. Pasa un par de semanas só publicando isto (unindo os puntos 3, 4 e 5) e agarda sentado pola espantada xeneralizada.
  7. Un clásico: ofende. Non hay que explicar, non?
  8. E se non podes ofender (que non o fai quen quere, senón quen pode) pide: “Favor de facerme caso que isto é interesantísimo”
  9. Este é o perfecto para @s nugalláns: non fagas nada. Non chíes. Toma unhas vacacións de Twitter e volve dentro dun par de meses.
  10. Publica demasiados check-ins. Dilles aos ladróns que non andas por casa e dálles envexa aos teus seguidores coa túa apaixonante vida fóra das redes sociais: alá onde fores, actualiza o estado con Foursquare, sexa na peixaría, na carnizaría, no quiosco onde mercares o xornal, na taberna onte tomas os viños, na praza que está en fronte onde vives e, porque non, tamén na túa casa.  
  11. Non respondas nin ás mensaxes directas, nin ás mencións. Descoida a conversa e perderás o atractivo. Serás tod@o @ guap@ que queiras, pero se non falas con ninguén, non “pillas cacho”.
  12. Dálle couces das boas ao dicionario e converte cada chío nun auténtico HOYGAN.
  13. Rechía. Todo o que atopes, e se for ofensivo (13) ou nada interesante (4) mellor que mellor.
  14. Utiliza Twitter como se fose WhatsApp: envia mensaxes directas para todo e para todos: chegará un momento en que pasen de ti.
  15. Por último: #emprega #o #famoso #hashtag #para #todo #o #que #chíes #aínda #que #só #o #entendas #ti

Con estes sinxelos pasos, a túa conta de seguidores irá pouco a pouco minguando. E ti, por que deixas de seguir a xente en Twitter?

Estándar
Pinterest

Probando o novo deseño de Pinterest: o importante é o contido

Renovación de Pinterest

Renovación de Pinterest

Pinteresteiros e, sobre todo, pinteresteiras (o 80% de usuarias) : Pinterest está de estrea. O luns, a través do seu blog oficial, a rede social de taboleiros e de tacholas anunciou un redeseño da súa interface onte prima o visual, as imaxes, e as vistas previas, que se fan máis grandes.

Ademais procura facerse máis social e máis “compartíbel”: a mudanza máis salientábel aparece cando estamos a ver un “pin” concreto pois agora temos, na parte dereita, unha barra lateral que se corresponde con outros elementos compartidos no mesmo taboleiro, facendo así máis doado descubrir máis contidos e outros usuarios.

Imaxe do novo deseño de Pinterest e das suxestións de contido na parte dereita

Imaxe do novo deseño de Pinterest e das suxestións de contido na parte dereita

Tamén engade algún que outro cambio visual mais, segundo explican, estes son sutís para non marear os usuarios nunha tradución máis ou menos libre: algún cambio tipográfico, de tamaño..

Se entraches e non notaches nada diferente é normal: para accederes a este novo “look”, precisas primeiro recibir un correo electrónico que, segundo indican, comezaron a enviar o día 18. Con todo, ao entrares na túa conta, na parte superior verás unha mensaxe que che convida a probalo xa:

Captura de ecrã 2013-03-20, às 18.24.55

Logo de premeres “Get it now” aparecerache esta mensaxe:

Outros que non teñen avoa :)

E xa estarás list@ para usares o novo Pinterest

Esta é a segunda novidade que nos chega desde Pinterest na última semana, logo de anuncio das súas propias estatísticas (Pinterest Analytics), dous intentos para tentarlle dar o empurrón definitivo a esta rede que non dá triunfado fóra das fronteiras de EE UU.

Que vos parece?

Estándar
Facebook,Trebellos,Twitter

Un xeito cómodo para creares as túas imaxes optimizadas para as redes sociais: Social Media Image Maker

Captura de Social Media Image Maker

Captura de Social Media Image Maker

Twitter, Facebook, Youtube, Flickr, Tumblr, Vimeo, Foursquare… É posíbel que teñas un perfil nunha ou en varias destas redes sociais, mesmo en Google+ (aínda que non o empregues…). Como cada unha destas redes sociais é do seu pai e da súa nai e cada unha ten as súas especificacións, preséntoche unha ferramenta para creares unha perfil axeitado a cada unha das redes sociais máis empregadas do momento: Social Media Image Maker.

Social Media Image Maker soluciónache dous problemas.

  • O primeiro: lembrar cada un dos tamaños dos ficheiros de imaxe de cada rede social. E non son poucos: pensa que en Facebook, ademais da imaxe de perfil, está a imaxe de portada, o tamaño de imaxe dunha publicación normal ou dunha publicación destacada
  • O segundo: saber manexar un programa de edición de imaxes como Gimp (gratuíto e de código aberto) ou Photoshop (se queres rascar o peto).

Se non estás polo labor de iniciarte no fantástico mundo da edición de imaxes e/ou queres aforrar tempo, Social Media Image Maker é a túa ferramenta. Recolle as principais redes sociais e tan só nuns segundos (dependendo da túa conexión) creará aquela imaxe que decidas. Só tes que elixir a rede social, subir a súa foto, retocala se quixeres con algún dos seus filtros e, despois de rematar, descargala.

Imaxe optimizada para unha publicación normal de Facebook e antes de aplicarlle algún dos filtros

Imaxe optimizada para unha publicación normal de Facebook e antes de aplicarlle algún dos filtros

Fácil, cómodo, rápido e para a toda a familia. Algo máis?

Estándar
Twitter

Como inserir quebras de liña en Twitter

Desde hai uns días, concretamente desde o pasado mércores 13 de marzo, xa podemos escribir chíos en Twitter con diferentes liñas.

O anuncio, como moitos, fíxose a través dunha das contas oficiais da compañía e pasou desapercibido para o público en xeral até que comezaron a aparecer algún que outro estado “raro” ou mesmo troleiros.

Deixar voar a túa creatividade e, por que non, trolear os teus seareiros na rede social, é ben doado. A través da páxina web de Twitter ou do aplicativo para teléfonos móbiles, tes que ir á opción de escribir un novo chío e, cando desexares inserir unha quebra de liña, só tes de premer a tecla Intro ou de parágrafo. Voilà!

Cada quebra de liña equivale a un caracter menos e non se notará nin en aplicacións de terceiros (como Hootsuite), noutras como Tweetdeck nin tampouco cando insires os chíos en entradas como podedes ver no exemplo que abre este artigo.

Non faltará dentro de varios días algunha guía de uso para sacar a maior rendibilidade ás quebras de liñas en Twitter mais, por agora, que uso lle ves?

Estándar
Facebook,Twitter

#hashtags en Facebook?

Os hashtags poderían incorporarse a Facebook

Os hashtags poderían incorporarse a Facebook

Hoxe os rumorosos din que os de #Facebook anda a darlle voltas á súa plataforma e que, entre as vindeiras novidades que se poderían implementar, estarían os famosos #hashtag de #Twitter. Quen di tal cousa é The Wall Street Journal na súa edición de onte.

Esta incorporación iría na sintonía das novidades que xa comentei neste blog: permitiría aos usuarios crear temas e grupos de temas dentro da rede social para agrupar a información segundo as súas preferencias. Ao premer nun destes #hashtag mostraríanse todas as actualizacións e demais que se publicaron sobre o tema correspondente.

Como en Twitter, bastaría con engadir un símbolo á palabra chave da actualización para que esta se gardase. O que non se sabe (todo é un rumore-rumore) é se copiarán o # ou se serán orixinais.

Non pensedes que a mudanza se fai por amor á arte. Ademais dunha mellora na rede o que se fai, acho, con esta novidade é procurar unha fonte máis de ingresos. Os #hashtag poderían converterse en espazos publicitarios ben gorentosos para as marcas (polo número de persoas que falan dun tema) e para o propio Facebook que podería vender a bo prezo como fai Twitter os seus #hashtag patrocinados. Din que un destes custa 200.000 $ diarios.

Como todo rumor, o tempo dirá se for ou non infundado mais como verías a incorporación de #hashtag na túa vida facebuquiana?

Estándar