Trebellos,Twitter

LivesOn: nin a morte te separará de Twitter

Con LivesOn, chía e chía mesmo despois da morte

Con LivesOn, chía e chía mesmo despois da morte

“Cando o teu corazón deixe de latir, seguirás chiando”. Eis a declaración de intencións deste novo aplicativo, LivesOn, que che ofrecerá a posibilidade, a partir deste mes, de continuar a túa actividade na rede social Twitter mesmo despois de palmares.

O aplicativo LivesOn baséase na análise do teu historial de publicacións para manter o teu perfil actualizado cos temas futuros que posiblemente fosen do teu interese. Deste modo, seguirás en contacto cos teus seguidores con información recén saída do forno mentres ti criares malvas.

O único que pode impedir a túa actividade desde o alén será se a persoa que ti elixas para executar a túa última vontade decida suspender a conta.

Se entre as preocupacións arredor da túa morte tiña un lugar privilexiado que ía ser da túa vida nas redes sociais e deses seguidores que tanto che custou conseguir, xa podes estar tranquilo, que nin a morte te separará deles.

E agora que xa o coñeces, activarías este servizo? Eu, nin morto.

Estándar
Captura do web Fire me!
Trebellos,Twitter

Se odias o teu xefe, ten coidado co que publicas en Twitter: chega Fire me!

Captura do web Fire me!

Captura do web Fire me!

Grazas a PR Noticias descubro a ferramenta de Twitter que todo xefe ten que ter a man. Acabouse espiar todas as contas de Twitter dos teus empregados. Con Fire me! (que traducido vén a ser Despídeme!), saber que o bolseiro de Recursos Humanos quere pegarte un tiro cando teña ocasión ou enteirarte de que a publicista está formulándose seriamente a idea de cuspir no teu café é agora máis fácil ca nunca.

O aplicativo ‘Fire Me!’ foi creado polo centro de investigación L3S da Universidade de Hannover. Trátase dun buscador (por agora só en inglés, ufffff, menos mal) de termos relacionados co descontento no traballo e co xefe que as persoas publican nos seus chíos.

Devolve os resultados en 4 categorías diferentes: os que odian o traballo, os que odian o xefe, os que desexan que lle fodan ao traballo e, por último, os “potenciais asasinos” (é un dicir, digo eu…).

Captura dos chíos dos "Potenciais asasinos"

Captura dos chíos dos “Potenciais asasinos”

Con todo, a intención do grupo de investigación con esta ferramenta é outra, como eles mesmos definen:

O noso obxectivo é crear conciencia sobre o perigo dos datos publicados na rede. A maioría das persoas non son conscientes de que, en Internet, unha vez que dis algo, non podes retractarte.
Todos os chíos que amosamos están publicamente dispoñíbeis en Twitter. Así que non nos culpes a nós e tenta ser máis responsábel.

Falar e escribir linguas minoritarias ten moitas vantaxes. Entre elas, permanecer no anonimato con ferramentas como esta. Porén, sentidiño ao chiares 🙂

Estándar
Facebook,Trebellos,Twitter

Un xeito cómodo para creares as túas imaxes optimizadas para as redes sociais: Social Media Image Maker

Captura de Social Media Image Maker

Captura de Social Media Image Maker

Twitter, Facebook, Youtube, Flickr, Tumblr, Vimeo, Foursquare… É posíbel que teñas un perfil nunha ou en varias destas redes sociais, mesmo en Google+ (aínda que non o empregues…). Como cada unha destas redes sociais é do seu pai e da súa nai e cada unha ten as súas especificacións, preséntoche unha ferramenta para creares unha perfil axeitado a cada unha das redes sociais máis empregadas do momento: Social Media Image Maker.

Social Media Image Maker soluciónache dous problemas.

  • O primeiro: lembrar cada un dos tamaños dos ficheiros de imaxe de cada rede social. E non son poucos: pensa que en Facebook, ademais da imaxe de perfil, está a imaxe de portada, o tamaño de imaxe dunha publicación normal ou dunha publicación destacada
  • O segundo: saber manexar un programa de edición de imaxes como Gimp (gratuíto e de código aberto) ou Photoshop (se queres rascar o peto).

Se non estás polo labor de iniciarte no fantástico mundo da edición de imaxes e/ou queres aforrar tempo, Social Media Image Maker é a túa ferramenta. Recolle as principais redes sociais e tan só nuns segundos (dependendo da túa conexión) creará aquela imaxe que decidas. Só tes que elixir a rede social, subir a súa foto, retocala se quixeres con algún dos seus filtros e, despois de rematar, descargala.

Imaxe optimizada para unha publicación normal de Facebook e antes de aplicarlle algún dos filtros

Imaxe optimizada para unha publicación normal de Facebook e antes de aplicarlle algún dos filtros

Fácil, cómodo, rápido e para a toda a familia. Algo máis?

Estándar
Trebellos

DEP, Google Reader. Algunha alternativa?

Captura de ecrã 2013-03-14, às 10.39.34

Hoxe é día de loito. O xigante Google, creador da xoia da coroa de Internet (e tamén creador de grandes e sonoras cagadas e fracasos tecnolóxicos), ponse a facer limpeza entre os servizos que ofrece. E no labor cárgase unha ferramenta a que son adicto desde hai varios anos: Google Reader.

E non só eu: millóns de usuarios quedaremos sen un servizo que consultamos varias veces ao día. De feito, Google Reader é sen dúbida o subscritor de feeds máis empregado na actualidade. No meu caso persoal, é despois do correo electrónico, o primeiro que abro no meu ordenador e o último en apagar.

A explicación que dan desde o blog oficial de Google é peregrina e pode traducirse en “non nos dá cartos”:

Lanzamos Google Reader en 2005 nun esforzo para facer máis fácil para as persoas descubriren e estaren atentos aos seus sitios web favoritos. A pesar de que o produto ten un público fiel, ao longo dos anos diminuiu o seu uso.

Para min, é unha proba de que os usuarios pouco lle importamos a Google. Pechan, sen máis. Sen ofrecer unha alternativa. Nin digna nin boa, non a ofrecen.

Xa teñen posta a data para o peche: o 1 de xullo. Até entón, podes exportar os teus datos para non perder as túas subscricións a través de Google Takeout

E que ferramenta emprego?

Pois a verdade é que a morte de Google Reader me deixa orfo. A maior parte de alternativas que existían pasaron polas miñas mans, os meus navegadores, os meus ordenadores e teléfonos e ningunha delas me convenceu como para abandonar Google Reader. Con todo, regresarei ás súas mans, como amante despeitado. Por agora, probarei con tres.

Feedly

Feedly é o Google Reader tal cal pero cunha forma máis visual. Funciona en web e móbiles, é bastante completa e non supón un grande trauma á hora de manter o comportamento que tiñas no Google Reader.

Captura de ecrã 2013-03-14, às 12.06.54

Pulse

Pulse é un deses servizos supermolóns, supervisuais e superdeseñados para tablets, aínda que a diferenza de Flipboard, ten versión web, todo un detallazo para aqueles que pasamos moitas horas diante dun ordenador. Está feito para que o toques e que o vexas, pero ten unha grande desvantaxe: tes que facer iso: tocar en cada artigo para ver o seu contido, non só o titular.

Captura de ecrã 2013-03-14, às 12.18.35

Netvibes

Netvibes é a solución lingüística: ten interface (deficiente) en galego. Na realidade, non é un agregador de novas no sentido literal, pois está máis destinada a monitorizar novas e información na rede. Hoxe volvín entrar nela pero sigo sen verlle o aquel…

Captura de ecrã 2013-03-14, às 14.23.37

Estas serán as tres principais ferramentas que vou probar nos próximos días. Hai compilacións pola rede que ofrecen moitas máis alternativas. De aquí ao 1 xullo, Deus dirá con cal me quedo. E vós?

DEP Google Reader, snif, snif!

Estándar
Trebellos

“Teño que pagar por WhatsApp? Estou indignado!”

Captura de pantalla do web de WhatsApp.com

Captura de pantalla do web de WhatsApp.com

“Hai que pagar por WhatsApp? Pois descargo Line / Spotbros / XXXX que é de balde e punto”. Este foi o comentario que escoitei / lin repeditamente desde que hai uns días se soubo o que xa se sabía: o usuarios de Android de WhatsApp terán que pagalo. Como que se sabía?

Captura do meu WhatsApp coa data de remate da versión de proba

Captura do meu WhatsApp coa data de remate da versión de proba

O conto estaba en que, cando descargabas o aplicativo para os móbiles con Android, o que facías era descargar unha versión de proba gratuíta (un “trial” deses) dun ano. Até agora, os responsábeis non se decidiran a que pasaras por caixa, a pesar dos repetidos rumores (unha e mil veces) de que deixaría de ser gratuíto. Mais agora semella que desta vai.

O prezo, 0,99 $, arredor de 0,75 €, menos que o café que tomaba Zapatero. Ou traducido a gastos móbiles, o prezo de 5 SMS (si, aínda existen!).

Polo que vedes na captura anterior, a min aínda me queda un mes para pasar por caixa. De partida, penso “estirarme” e soltar a “talegada”, mais depende, evidentemente, dos meus contactos. Se abandonan o barco, terei que ir onde foren para comunicarme con eles. Mais antes, deixo no aire dúas cuestións:

  1. Line paréceme unha alternativa moi boa. Falo do servizo, non dos vintemil complementos inútiles que che ofrece á parte. E falo, tamén, da posibilidade de instalalo como aplicativo nos computadores, para así poder conversar coa xente sen a necesidade de tirar do móbil. Con todo, ten un defecto grandísimo: o seu consumo de batería e de recursos é desorbitado.
  2. Semella que Spotbros está a ter un crecemento importante mais, por agora, non teño ningún contacto que o use en exclusividade. Quen o ten, tamén ten WhatsApp, e preciso dúas ferramentas para comunicarme coa xente?

Nun mundo que corre máis que pasa (hai dous anos nin sabía que existía esta ferramenta), será esta a morte de WhatsApp?

Estándar