Google

Que nervios! O Gmail renóvase!

Captura de ecrã 2013-05-29, às 18.47.34

Acaban de anuncialo no seu blog e non podo aturar a espera: Gmail renóvase! Chachipiruli!

E por que esta renovación? Será que, xa que se puxeron co Google+, pois oes, por que non? Ou será que, xa que está a punto de “cascar” Google Reader mellor dar un motivo para non falar do tema?

Ains, mal pensados… A explicación que dan comeza coa evidencia. Temos millenta correos: as pesadas notificacións sociais, as máis pesadas ofertas e ofertas desa empresa da que nin lembras cando lle deches ao botón de “Recibir novidades por correo”, que non sabes como desactivar e que teima en saír da caixa do corro lixo; e, entre eses 30 correos, un importante que talvez pode pasar desapercibido.

Gmail non quere que procrastines e agora ofrecerache unha nova caixa de entrada moito máis organizadiña. Mediante lapelas, o correo separarase en ata cinco bandexas diferentes: principal, social, promocións, notificacións e foros. As súas opcións, prometen, serán facilmente personalizables.

Digo prometen porque, a pesar de que nalgúns sitios falan que esa actualización estará dispoñíbel urbi et orbi a partir das 18:00 h (horario galego), eu aínda nin a cheirei. E vós?

Por certo, amigos de Gmail/Google: xa que lle dades á renovación e tal, por que non lle dades ao botonciño de validar a tradución da interface en galego? Que leva 8 anos feita, ho!

Advertisements
Estándar
Google

O novo Google+ mola mil mais…

Captura de ecrã 2013-05-23, às 19.18.01

Un día dixen que non volvería entrar en Google+ até que tivese versión en galego. Ese día chegou hai máis dun ano e entrei… mais volvín saír. Cada certo tempo, ábroo e pregunto se hai alguén aí e semella que hai. Mais nada, ché, que non me engancho.

Até que o outro día fixen un hangout por motivos laborais e zas! aí estaba o Google+ noviño do trinque.

Si, agora Google+ mola mil, moi cómodo, moi visual, moi Pinterest, mellora na subida das imaxes e 15 GB para almacenalas, adopcións dos hasgtags, mensaxería multiplataforma e con capacidade de subir multimedia

Mais segue faltando algo: xente. Como Google non pode pór unha pistola na cabeza a todo o mundo para que se rexistre en Google+, a compañía tira de pinchacarneiro tecnolóxico para sumar persoas ao seu carro: algúns dos seus servizos “extra” obrigan xa a estar dado de alta como usuario de Google+ para poder gozar deles.

Mais Google volve equivocarse outra vez: dar, darase de alta, porén o importante dunha rede social é que a xente interactúe nela, que procrastine no traballo no canto de facer ese Excel tan superurxente ou na casa no lugar de pasar o ferro. E iso non acontece: mentres en Facebook o usuario medio gasta 6 horas e 44 minutos a darlle ao “Gústame” a destro e sinistro ou subir fotos con beizos de parrulo, en Google+ menos de 7 minutos

Google+ mola mil, si, mais a sensación que un ten ao entrar é esta. Seguirá así?

Estándar
Google

Google pensa na túa morte

Captura da páxina do administrador de contas inactivas de Google

Captura da páxina do administrador de contas inactivas de Google

Nunca pensaches que lle pasará ás túas fotos, correos electrónicos e documentos cando non poidas usar a túa conta “por calquera motivo”? En definitiva, cando a palmes?

Google, que o sabe todo, que está en todo e en todas as partes, pensou por ti para tomar decisións neses momentos delicados. Vén de presentar unha nova función que che permitirá decidir que desexas facer con todas as túas contas unha vez que pases á realidade 0.0, o alén.

O invento recibe o nome sutil e eufemístico de “Administrador de contas inactivas” que xa a tes dispoñíbel para configurares ao teu gusto. Así poderás quer elixir destruír os teus datos logo de 3, 6 ou 12 meses de inactividade ou quer seleccionar até 10 contactos de confianza para que reciban os teus datos e poidan investigar que foi o que fixeches na túa vida virtual.

Iso si, para evitar a eliminación da conta “sen querer”, podes estabelecer un correo electrónico ou un teléfono ao que se che enviará unha mensaxe para que confirmes que estás vivo. Se confirmares o contrario, mal andamos 🙂

 

Ligazón: Administrador de contas inactivas

Estándar