Facebook

Un Facebook cargadiño de novidades: #hashtag, imaxes nos comentarios e novas estatísticas

O Facebook está a pórse guapo. Para que non falen del pola venda de información dos seus usuarios ao goberno USA? Pode que si, pode que non. Como esa misteriosa conferencia de prensa que terán hoxe para anunciar algo novo… Coincidencias… Mais na última semana presentaron dúas novas funcionalidades, os #hashtag e as posibilidade de engadir comentarios nas imaxes, e tamén un redeseño das estatísticas para páxinas. Vaiamos por partes.

#Hashtag

Agora a xente xa non pon etiquetas aos máis. Agora o cool e utilizar #hashtag. A moda chegou ao Facebook importada de Twitter (e doutras redes sociais). Para usalos, só tes que engadir o simboliño “#” á palabra que queres marcar das túas publicacións. Esta palabra poderase premer para que poidas botar un ollo sobre o que comparte a xente con ese tema, tal e como se fai no Twitter.

Captura de ecrã 2013-06-20, às 12.14.36

Problemas que lle vexo:

  • Non atopas por ningures nin os hashtag que empregas nin unha forma de buscar por hashtag. Para facer isto último tes que escribir na barra de enderezos do navedador o seguinte. http://www.facebook.com/hashtag/ohashtagquequeiras
  • Ollo ao piollo: se estás preocupado pola privacidade, lembra marcares a mellor opción cando publiques unha actualización con #hashtag. Se o fixeres público, será visible por calquera persoa que procura por un hashtag.
Unha publicación de estado que só será visíbel para as miñas amizades

Unha publicación de estado que só será visíbel para as miñas amizades

Responder a un comentario cunha imaxe

Disque a partir de agora atoparemos unha icona de “cámara de fótos” á dereita da caixa para meter comentarios. Disque, porque eu non a atopo. Disque se a prememos, poderemos subir unha imaxe como comentario.

Disque esta funcionalidade está activa desde onte. Disque vai introducíndose pouco a pouco. Disque se algunha amizade xa a ten, poderás comentar cunha foto… Vale, ben.

Novo deseño das estatísticas para as páxinas

Outro deses disque-disque é un novo deseño para as estatísticas das páxinas, como anunciaron os de Facebook. A cousa quedaría tal que así:

Captura do que será o novo deseño para as estatísticas das páxinas

Captura do que será o novo deseño para as estatísticas das páxinas

O obxectivo deste cambio é facer as estatísticas máis clariñas e simples. Agardaremos por elas para ver se é así, porque as actuais precisan un mestrado para seren comprendidas fóra das cousas máis básicas…

E agora, especulemos co que presentan hoxe… Un lector RSS? Vídeo para Instagram? Unha forma máis eficaz de mangarche os datos, vendelos e que non te enteres nunca?

Advertisements
Estándar
Twitter

Xa podes activar o Twitter Analytics

Un compi de traballo avísame vía correo electrónico que xa está dispoñíbel para case todas as contas Twitter Analytics, a ferramenta oficial da compañía do paxariño para estares ao tanto sobre as estatísticas máis básicas do teu perfil.

Aquí tes os pasos necesarios e de que vai Twitter Analytics.

Paso 1: darse de alta

O primeiro que tes que facer é darte de alta en https://analytics.twitter.com/login como é mester nestes casos: nome de usuario e contrasinal, sempre que os lembrares.

Captura de ecrã 2013-06-10, às 14.29.38

Paso 2: Account ineligible

Logo de te logueares, aparecerá unha pantalla ruín e falsa que te pode levar ao equívoco. Cando menos a min. Un simpático aviso do sistema dirache que tes unha “Account ineligible”. Teus mortos!, por se acaso.

Este aviso en vermello refírese aos Twitter Ads que non sei o porqué de que apareza aquí. Non lle fagas caso. Arriba aparecerá un menú “Analytics” que por agora trae dúas opcións: Timeline activity e Followers.

Menú do Twitter Analytics

Menú do Twitter Analytics

O de por agora dígoo ben. Algúns usuarios atoparon un terceiro menú: Sitios web. Eu busco, rebusco e actualizo o trebello de forma compulsiva cada 5 minutos… E nada, que non aparece.

Paso 3: Timeline activity

Iso de “Timeline activity que nos aparece aos que chiamos co Twitter en galego vén a ser o lugar en que se compila todo o relacionado coa nosa conta de Twitter: mencións, estatísticas de novos seguidores, análise de cada tuit que inclúe as veces que foron retuiteados, marcados como favoritos ou as respostas recibidas.

Non vos poño unha captura de pantalla para non quedar en evidencia das miñas cativas estatísticas.

Paso 4: Followers

Gustaríame dicirvos de que vai esta opción mais isto é o que me aparece:

Opción Followers

Opción Followers

Segundo a fonte anterior, disque neste separador aparece toda a información referida ás persoas que teñen a ben seguirte: ritmo de crecemento, intereses, localización, sexo…

Conclusión

Se es un/unha “simpatizante” ou “militante de base” na rede social dos “paxariños por aquí, paxariños por alá”, o Twitter Analytics pode ter a utilidade de procrastinar cada certo tempo e ver como che vai o conto sen máis importancia ca esa.

Agora ben, se es un/unha “cargo electo” ou te dedicas profesionalmente a isto das redes sociais, o Twitter Analytics é unha opción rápida e sinxela de obteres os primeiros e máis básicos datos sobre aquelas contas que xestionas.

Estándar