Google

Que nervios! O Gmail renóvase!

Captura de ecrã 2013-05-29, às 18.47.34

Acaban de anuncialo no seu blog e non podo aturar a espera: Gmail renóvase! Chachipiruli!

E por que esta renovación? Será que, xa que se puxeron co Google+, pois oes, por que non? Ou será que, xa que está a punto de “cascar” Google Reader mellor dar un motivo para non falar do tema?

Ains, mal pensados… A explicación que dan comeza coa evidencia. Temos millenta correos: as pesadas notificacións sociais, as máis pesadas ofertas e ofertas desa empresa da que nin lembras cando lle deches ao botón de “Recibir novidades por correo”, que non sabes como desactivar e que teima en saír da caixa do corro lixo; e, entre eses 30 correos, un importante que talvez pode pasar desapercibido.

Gmail non quere que procrastines e agora ofrecerache unha nova caixa de entrada moito máis organizadiña. Mediante lapelas, o correo separarase en ata cinco bandexas diferentes: principal, social, promocións, notificacións e foros. As súas opcións, prometen, serán facilmente personalizables.

Digo prometen porque, a pesar de que nalgúns sitios falan que esa actualización estará dispoñíbel urbi et orbi a partir das 18:00 h (horario galego), eu aínda nin a cheirei. E vós?

Por certo, amigos de Gmail/Google: xa que lle dades á renovación e tal, por que non lle dades ao botonciño de validar a tradución da interface en galego? Que leva 8 anos feita, ho!

Estándar
Google

O novo Google+ mola mil mais…

Captura de ecrã 2013-05-23, às 19.18.01

Un día dixen que non volvería entrar en Google+ até que tivese versión en galego. Ese día chegou hai máis dun ano e entrei… mais volvín saír. Cada certo tempo, ábroo e pregunto se hai alguén aí e semella que hai. Mais nada, ché, que non me engancho.

Até que o outro día fixen un hangout por motivos laborais e zas! aí estaba o Google+ noviño do trinque.

Si, agora Google+ mola mil, moi cómodo, moi visual, moi Pinterest, mellora na subida das imaxes e 15 GB para almacenalas, adopcións dos hasgtags, mensaxería multiplataforma e con capacidade de subir multimedia

Mais segue faltando algo: xente. Como Google non pode pór unha pistola na cabeza a todo o mundo para que se rexistre en Google+, a compañía tira de pinchacarneiro tecnolóxico para sumar persoas ao seu carro: algúns dos seus servizos “extra” obrigan xa a estar dado de alta como usuario de Google+ para poder gozar deles.

Mais Google volve equivocarse outra vez: dar, darase de alta, porén o importante dunha rede social é que a xente interactúe nela, que procrastine no traballo no canto de facer ese Excel tan superurxente ou na casa no lugar de pasar o ferro. E iso non acontece: mentres en Facebook o usuario medio gasta 6 horas e 44 minutos a darlle ao “Gústame” a destro e sinistro ou subir fotos con beizos de parrulo, en Google+ menos de 7 minutos

Google+ mola mil, si, mais a sensación que un ten ao entrar é esta. Seguirá así?

Estándar