Twitter

Presentado oficialmente Twitter #Music

O blog de Twitter vén de anunciar algo do que se estivo falando nas últimas semanas: o novo servizo Twitter Music, un proxecto que servirá para que os e as amantes da música gocen dela a través da rede social.

Como xa é costume en todo servizo novidoso, irase abrindo de forma gradual por países e usuarios, comezando polos EE.UU., Reino Unido, Irlanda, Australia. Pola periferia 2.0 teremos que agardar a que teñan a ben abrilo.

E tamén, como xa é costume, os de Twitter tampouco teñen avoa. Lede, senón, como se presentan:

Hoxe lanzamos Twitter Music, un novo servizo que vai mudar a forma en que a xente atopa música. Utiliza a actividade de Twitter, incluíndo os chíos e o “engagement” para detectar e aflorar os temas máis populares e os artistas emerxentes

Basicamente o que fai este servizo é recoller a música que se chía a partir de tres fontes: iTunes, Spotify e Rdio. A partir dela, poderás acceder ao perfil dun artista para escoitar as súas cancións, ver a súa conta de Twitter, ler as súas novidades, descubrir novos temas e artistas e compartilo cos teus seguidores. O pack inclúe app para iPhone e Android que tampouco a temos dispoñíbeis…

Do seu funcionamento falaremos cando poidamos acceder e agardemos que sexa máis refinado que eses artistas que Spotify che recomenda e que en nada se asemellan ao cento de horas de música que escoitaches na aplicación ¬¬

Advertisements
Estándar
Google

Google pensa na túa morte

Captura da páxina do administrador de contas inactivas de Google

Captura da páxina do administrador de contas inactivas de Google

Nunca pensaches que lle pasará ás túas fotos, correos electrónicos e documentos cando non poidas usar a túa conta “por calquera motivo”? En definitiva, cando a palmes?

Google, que o sabe todo, que está en todo e en todas as partes, pensou por ti para tomar decisións neses momentos delicados. Vén de presentar unha nova función que che permitirá decidir que desexas facer con todas as túas contas unha vez que pases á realidade 0.0, o alén.

O invento recibe o nome sutil e eufemístico de “Administrador de contas inactivas” que xa a tes dispoñíbel para configurares ao teu gusto. Así poderás quer elixir destruír os teus datos logo de 3, 6 ou 12 meses de inactividade ou quer seleccionar até 10 contactos de confianza para que reciban os teus datos e poidan investigar que foi o que fixeches na túa vida virtual.

Iso si, para evitar a eliminación da conta “sen querer”, podes estabelecer un correo electrónico ou un teléfono ao que se che enviará unha mensaxe para que confirmes que estás vivo. Se confirmares o contrario, mal andamos 🙂

 

Ligazón: Administrador de contas inactivas

Estándar
Twitter

#informetwitter: chaves para comunicar en Twitter

Unha das imaxes da presentación #informetwitter

Unha das imaxes da presentación #informetwitter

En que se fixa un tuiteiro cando entra na rede social? Que tipo de temas e de chíos son os que enganchan? Cal é a mellor hora para chiar? Cales son as chaves para comunicar eficazmente en Twitter? Estas e outras preguntas teñen resposta e están no #informetwitter que se vén de presentar.

O #informetwitter xurdiu na necesidade de coñecer o comportamento das persoas usuarias cando pasan o seu tempo en Twitter. Está elaborado por Redbility, Influenzia e o Máster de Periodismo Dixital e Redes Sociais da UEM.

O proceso de investigación para realizar o informe foi novidoso: gravouse o comportamento de de 38 persoas con certa influencia nas redes sociais ao tempo que se recollían datos a través de técnicas de observación directa. Foron colocados biosensores, estimuladores de enerxía emocional e empregouse a técnica do rastrexadores de ollo (eyetracking) para saber o que se estaba vendo en cada momento.

O resultado de todo este proceso é o #informetwitter que se presenta neste vídeo e que se pode descargar nesta ligazón, onde tamén atoparás material complementario:

Cómpre telo a man e lelo con calma, non si?

Estándar
Facebook

Pagarías por enviarlle un correo a alguén en Facebook?

Messenger, o aplicativo de Facebook para chatear e enviar mensaxes

Messenger, o aplicativo de Facebook para chatear e enviar mensaxes

Segundo comenta The Telegraph, Facebook está probando un novo sistema para que poidas enviarlles mensaxes a persoas con que non estás conectado. Iso si, sempre pasando por caixa.

A tarifa non sería plana: o custo da mensaxe, segundo explica The Telegraph, variaría en función do número de amizades que ten a persoa e tamén do número de persoas que queren contactar con ela. Se queres enviarlle unha mensaxe a un famoso, podería saírche por unhas 10 libras de nada. Se se tratar dun “anónimo”, o custo sería inferior mais, de todas as formas, sería custo.

Os de Facebook Inc comentan que este sistema de pagamento está ideado para evitar o correo-lixo e na actualidade andan a probar diferentes taxas para estabeleceren un prezo axeitado. Agora ben, eu vexo tamén outra finalidade: cash.

Estarías disposto a pagar por enviarlle unha mensaxe a alguén que non coñeces?

Estándar
Facebook

Facebook Home: todo quedou nun lanzador para Android…

Captura de pantalla do web promocional de Facebook Home

Captura de pantalla do web promocional de Facebook Home

Hai uns días, Facebook Inc. convocaba á prensa para unha desas presentacións multitudinarias a cargo do seu imberbe CEO, Mark Zuckerberg. Como sempre que hai un destes e-ventos, comezaron as especulacións máis ou menos acertadas: que se presentaría o seu propio teléfono, que se presentaría o seu propio sistema operativo, ou que se presentaría un Android “tuneado”.

Mais o que se prevía un bombazo informativo ficou nun petardiño: Facebook Home (pronunciado /həʊm/) un aplicativo para Android que funcionará de lanzador para o móbil e que se poderá instalar a partir do día 12 de abril. Como propina, anunciaron o HTC First, o primeiro smarthphone co “invento” instalado e que se pode mercar a un prezo máis que competitivo: 99,99 $.

Que é (e que creo que será) Facebook Home

Segundo explican, Facebook Home é un aplicativo “para dar prioridade ás túas amizades no móbil” a través de introducir as actualizacións da rede social no fondo de pantalla. Deste xeito, verás o que lle pasa aos teus contactos en Facebook sen a necesidade de abrir ningún aplicativo. Ademais, compleméntase con funcionalidades para facer máis vistosas as mensaxes e outras notificacións.

Mais o aplicativo ten truco, como ben explican en Genbeta.com.E é que Facebook non dá puntada sen fío: haberá anuncios neste lanzador. Por tanto, a prioridade non é tanto as túas amizades, son os cartos, diñeiro, facer máis “cash” cun novo produto de mercadotecnia para que as empresas se metan no teu peto.

Como sempre, aínda non explicaron (nin explicarán, acho) como funcionarán nin de que tipo serán os anuncios no Facebook Home. Mais a pregunta é evidente: estás disposto a que o primeiro que vexas na pantalla do teu móbil sexa un anuncio?

Estándar
Instagram

#FoodShareFilter: o filtro solidario de Manos Unidas para Instagram

Captura do web da campaña FoodShareFilter

Captura do web da campaña FoodShareFilter

Para quen non a coñeza, un resumo rápido: Instagram é unha app-rede-social-todo-xunto que lle permite aos usuarios tirar unha fotografía, aplicarlle un filtro dixital e despois compartir a imaxe en varias redes sociais dun xeito rápido, doado e intuitivo. O soño de todo hipster feito realidade: parecer (que non ser) un fotógrafo profesional.

Na práctica, para moitos Instagram acabou por se converter nun menú virtual onde publicar fotos e máis fotos de pratos deliciosos. E aí é onde entraron os de Manos Unidas: o que é xa un xesto habitual nesta rede social converterase en axuda solidaria a través do filtro #FoodShareFilter.

Como ben explican no web da campaña, #FoodShareFilter é o primeiro filtro solidario de Instagram que che permitirá compartir a túa comida, pero compartila de verdade, porque o diñeiro recadado coa descarga irá destinado para os programas de axuda contra a fame de Manos Unidas”.

O custo do filtro é de 0,89€ e está dispoñíbel na Apple Store para maqueiros e no Google Play para os androides.

Estándar
Twitter

Tres ferramentas para monitorizar un hashtag en Twitter como por exemplo… #FeijooPagaLaNieve

Captura das reaccións do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Captura das reaccións do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Hai días que é mellor non erguerse da cama para non consultar as portadas dos xornais. Outros, en que mellor sería non ter pronunciado algunha que outra cousa. Neses días en que os astros se aliñan, resulta que atopas que es Trending Topic en Twitter e pouco tes xa que facer.

Quédache, por tanto, deixarte levar á vida contemplativa se tes moito fígado e non adoitas botarte a chorar con facilidade. Cantas persoas están a usar ese #hashtag? A cantas persoas chegaron as súas mensaxes? Quen foi o usuario máis relevante?

Para iso existen algunha que outra ferramenta. Vouvos relacionar as tres gratuítas (ou freemium, con algunha característica de balde e outras de pagamento) que emprego con máis frecuencia.

Tweet-tag.com

Captura de Tweet-tag.com

Captura de Tweet-tag.com

Tweet-tag.com é unha ferramenta catalá que serve para monitorear os datos das últimas 24 horas de vida dun hashtag na súa versión gratuíta. Devolve algúns resultados interesantes como o número de mencións e de participantes, a audiencia potencial dun determinado hashtag así como unha gráfica de evolución do seu uso. Tamén recompila todos os chíos que se publican en tempo real até un máximo de 1500, os usuarios máis participativos e os máis influíntes.

A conta gratuíta permíteche gardar 4 buscas diferentes máis só o uso dun #hashtag ao longo do día. Este é o resultado que nos devolve do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Tweetarchivist.com

Captura de Tweetarchivist.com

Captura de Tweetarchivist.com

Tweetarchivist é talvez unha ferramenta máis completa que a anterior. O primeiro que cómpre destacarmos dela é que analiza un hashtag nos últimos sete días. Ademais, devolve, de xeito moi visual, moitas analíticas como o volume de mencións emitidas, os 25 usuarios máis activos, a ratio entre chíos e rechíos, os 20 URL máis partillados, as 20 palabras máis empregadas xunto ao hashtag.

Por último, permíteche usar os seus gráficos nos teus web a través de códigos e tamén exportar os teus datos nunha folla de datos.

Este é o resultado que nos devolve do hashtag #FeijooPagaLaNieve

Followdehashtag.com

Captura do web Followthehashtag.com

Captura do web Followthehashtag.com

Followthehashtag.com é a ferramenta máis sinxela das tres, mais non por iso interesante. Con todo, analiza até un máximo de 1.500 mencións durante os últimos 7 dúas e ofrece o número total de chíos, a ratio de chíos por hora, o número de usuarios que publicaron e os máis activos, mais só ata ese máximo de 1500.

… E outra ferramenta de regalo

Captura de Topsy

Captura de Topsy

Topsy.com non é ferramenta de monitoreo de #hashtag como as anteriores. É moito máis: trátase dun buscador social que rastrea todo o contido publicado a respecto dun termo, en tema ou un usuario non só en Twitter: blogs, imaxes, novas relacionadas…

É unha ferramenta perfecta (e freemium) para saber que se di de ti en todo momento. Isto é o que atopa Topsy tras consultar #FeijooPagaLaNieve

Estándar