Facebook

Todo sobre o novo deseño de Facebook

Captura de pantalla de Facebook

Captura de pantalla de Facebook

Hai unha semana, o (multimillonario) Marc Zuckerberg presentaba unha reviravolta máis (e xa van…) da súa rede social. En resumo: máis visual, máis calidade para as imaxes, máis integración entre dispositivos.

O que non é novidade é a reacción. É falar Marc Zuckerberg sobre o Facebook e subir o prezo do pan. Milleiros de entradas circulan na rede sobre este novo redeseño e, segundo a propia empresa, foron máis aínda as preguntas de usuarios ávidos por saber máis xa sobre como vai influír nas súas vidas na rede social.

É por isto polo que a compañía quixo responder este interese cunha páxina de axuda (aínda non dispoñíbel en galego) mesmo antes de que os cambios se fixesen notar.

Se es preguiceiro, un resumo:

Como obter o novo deseño de Facebook?

As cousas de palacio van amodo… Aseguran desde Facebook que en breve todos os usuarios verán o cambio na interface. Mais se non es capaz de agardar ou queres presumir de early adopter, podes solicitar que te engadan á súa listaxe de agarda aquí.

Solicitude da nova interface

Solicitude da nova interface

Que hai de novo?

As mudanzas do novo deseño de Facebook baséanse en catro aspectos:

  • As fotos e as historias son de maior tamaño na sección de novas
  • Haberá unha nova barra lateral para navegares polas diferentes seccións…
  • …unhas novas seccións de novas para consultar: música, fotos, o que fan as túas amizades
  • As notificacións mudan de lugar para apareceren na parte superior dereita
Nova barra lateral do Facebook con diferentes novas

Nova barra lateral do Facebook con diferentes novas

A nova sección de novas

Ao entrares co novo deseño da interface de Facebook, aparecerán (din) novas xerais por defecto. Con todo, agora poderás ver só aquelas que prefiras: Grupos (en que esteas), Fotos (para “revisar” o ben que o pasan as túas amizades sen ti ou as que publican as páxinas), só as túas amizades ou só as páxinas a que estás subscrito… Ademais, poderás engadir categorías novas ao teu gusto.

Por exemplo, se es seguidor de páxinas de varios medios de comunicación, poderás utilizar esta sección como un lector RSS do que publican. Competencia contra Google Reader e algo que pode afectar aos ingresos monetarios por publicidade dos xornais… (bussiness is bussiness).

Cambiando todo de sitio

Non sei se Marc Zuckerberg e os seus compis de Facebook teñen avoa, mais semella que non. O novo deseño preséntase como “unha explosión de cor”, con “historias máis atractivas e brillantes” e “Imaxes máis nítidas que lle dan vida á túa sección de novas”. Todo cunha nova finalidade: “adeus á desorde”.

Moitas cousas mudan de localización. Sentíndoo moito, terás que botarlle un ollo á páxina de axuda para saberes onde “parolar” agora (abaixo, á esquerda), como acceder á túa configuración…

Confírmase que os de Facebook non teñen avoa :)

Confírmase que os de Facebook non teñen avoa 🙂

Agardemos, pois, a que estea operativo para comentarmos as primeiras impresións, non si?

Estándar

Deixar un comentario